Santa Cecilia: unha celebración cun valor cultural e simbólico Destacado

Novembro é un mes moi especial para a música. O 22 de novembro ten lugar a festividade da patroa dos músicos: Santa Cecilia. Foi unha nobre nacida en Roma nunha data descoñecida, que se converteu o cristianismo, martirizada pola súa fe e torturada ata morrer no século III. No 1594 o papa Gregorio XIII nomeouna patroa dos músicos porque «mostrou unha atracción irresistible polos acordes melodiosos dos instrumentos. O seu espírito sensible e apaixonado por ese arte converteu o seu nome no símbolo da música». O motivo real polo que foi nomeada así é difuso e incerto. Algúns apuntan a unha mala tradución das «Actas do Martirio de Santa Cecilia» aparecidas no século V onde a palabra organis tradúcese como «instrumentos musicais» cando en realidade facía referencia a instrumentos de tortura. Outra teoría di que seguramente desde xove tivo que iniciarse nalgún instrumento musical como a cítara ou a arpa tal e como ditaban as costumes romanas da época e por iso era representada tocando ou con partituras ó carón. Sexa como sexa, a celebración de Santa Cecilia por parte dos músicos, bandas e agrupacións é moi común en todo o mundo, especialmente en Europa.

 

Que eu recorde a banda de Celanova festexa este día dende fai moitos anos. Si o 22 de novembro non coincide en domingo esperarase ó seguinte ou será o anterior, para que poidan asistir á celebración ó maior número de persoas posible e así poder compartir este día único e memorable. Co paso do tempo a maneira de festexar o día da nosa patroa foi cambiando segundo o facían directivas, directores e demais, permanecendo iso si, a tríade imprescindible: comida, música e convivencia. Ademais de conmemorar ó día da patroa con música, pasacalles, misa canta e concerto de rigor, é tamén unha oportunidade de ouro que nos permite reunirnos cos socios e amigos da banda que chegan de todas partes de Galicia e o mundo enteiro para compartir música, mesa e alegría.

 

Mais alá de ese valor cultural que se mostra á vista de todos, existe tamén unha parte non tan sinxela de apreciar a simple vista e que vive dentro dos músicos, tanto dos que están como dos que nalgún momento estiveron na banda. Dunha maneira simbólica o día da celebración da Santa Cecilia significa tamén o fin da tempada do ano en curso. O verán rematou fai uns meses e tras comezar de novo en outubro as preparacións de cara a nova tempada, chega a época de descanso (Nadal). Polo que en novembro despedímonos de algunha maneira dise ano e dos recordos creados, festas, viaxes, fatiga, ensaios, bos e malos momentos, risas e bágoas. Ademais dise valor simbólico de fin de etapa, tamén é un día de lembranza, a celebración vai tamén por todos aqueles músicos que xa non están entre nos e que seguro festexan con nos alá onde estean. Neste día volvemos a atoparnos con antigos músicos que nos visitan e brindamos con eles como si nunca se foran recordando vellos tempos e contando milleiros de anécdotas que ben merecían un libro que as recollera (ou dous).

 

Este ano, cheo de incerteza para todos, non podemos celebrar a nosa patroa, nin musicalmente nin reuníndonos con todos os socios e amigos da banda. As medidas sanitarias non nos permiten celebrar este día como nos gustaría. Esta crise sanitaria que afecta ó mundo enteiro, ataca a moitos niveis, non so como enfermidade senón como crise social, económica e tamén cultural. A actividade das bandas viuse reducida coa desaparición de case todas as festas e verbenas, as restricións de mobilidade e de reunión limitan a nosa función. Non queda outra que ter moita paciencia e polo ben de todos, debemos seguir as recomendacións e resistir, como di a canción. Será o primeiro ano que non se celebre a Santa Cecilia da maneira que se viña facendo, algo mais para engadir á historia da banda de Celanova e os seus 170 anos de vida.

 

Pode que o paso do tempo e as circunstancias actuais cambien a celebración, pero o espírito de sempre debe permanecer. O final dun ano e o comezo de outro. Esperemos que mais próspero en todos os sentidos.

Mónica Fernández

Está aquí: Inicio